Transparencia | Prensa | Contacto |
NOVOS DESEÑOS, NOVAS OPORTUNIDADES
A Carreira da Muller apoia a creación dunha nova colección de artesanía elaborada por mulleres de comunidades vulnerables de Varanasi (India)
Nos barrios máis desfavorecidos de Varanasi, moitas mulleres tiveron un acceso moi limitado á educación e ao emprego. Desde hai máis de quince anos, Semilla para el Cambio traballa para cambiar esta realidade a través dun Programa de Muller que combina alfabetización, formación profesional, educación financeira, sensibilización en igualdade e oportunidades reais de xeración de ingresos.
Unha destas iniciativas é o obradoiro de artesanía, un proxecto produtivo que ofrece emprego digno e estable a mulleres que previamente se formaron na organización. As artesás elaboran produtos téxtiles que posteriormente se comercializan en España como agasallos solidarios. Este traballo permítelles obter os seus propios ingresos e avanzar cara a unha maior autonomía económica. Ademais, os beneficios xerados polas vendas reinvístense nos proxectos que Semilla para el Cambio desenvolve en Varanasi.
A Carreira da Muller financia as teas e materiais dunha nova colección
Este ano, a organización da Carreira da Muller da Coruña realizará unha doazón de 1.200 euros a Semilla para el Cambio destinada integramente á compra de teas e outros materiais de costura para desenvolver unha nova colección de artesanía.
Durante dous meses, sete artesás participarán nun proceso de formación e innovación, compatibilizando o seu traballo habitual cunhas horas adicionais dedicadas a experimentar con novos deseños, elaborar prototipos e desenvolver novos produtos. Para iso contarán co acompañamento dunha monitora especializada que as orientará durante todo o proceso.
O proxecto completo ten un custo de 2.000 euros. Grazas á achega da Carreira da Muller estarán cubertos os 1.200 euros necesarios para adquirir os materiais. Os 800 euros restantes destinaranse ao acompañamento da monitora e ás bolsas de formación das sete artesás participantes.
A renovación de deseños e produtos permitirá ampliar as posibilidades de comercialización das artesanías e contribuír á sustentabilidade do obradoiro e ao mantemento de oportunidades de emprego digno para mulleres en situación de vulnerabilidade.
Semilla para el Cambio estará ademais presente na Feira da Corredora cun stand solidario, onde as participantes poderán coñecer de preto o proxecto e adquirir as artesanías elaboradas polas mulleres do obradoiro.
Axúdasnos a completar o proxecto?
Como participante na Carreira da Muller, ti tamén podes formar parte desta iniciativa. Podes colaborar realizando unha doazón, facéndote socia de Semilla para el Cambio ou adquirindo algún dos agasallos solidarios dispoñibles no stand que teremos os días 25 e 26 de setembro na feira da corredora de Palexco.
Fai a túa doazón aquí
Faite socia de Semilla para el Cambio nesta ligazón
Cada achega axudará a completar os 800 euros necesarios para financiar a formación e o acompañamento das sete artesás.
Porque detrás de cada peza hai moito máis ca unha artesanía: hai formación, emprego, autonomía e novas oportunidades para unha muller e a súa familia.